viernes, 16 de mayo de 2008

O tempo das aciñeiras

“Zugan da zuhaitzen denbora/ elkar maitatu ondoren”
“O tempo das árbores está en ti/ despois de amarnos”
Kirmen Uribe

O tempo das aciñeiras prendeu en ti
como prendeu a dor do acougo
no Sáhara e raxeira da miña ollada.

Eu traía, na rendición dos brazos ceibos,
a demora que cerca todos os invernos,
o cubismo excelso dun neno cego,
as camelias acendidas de canto nos falta.

Iso foron as orixes.
Logo non puidemos calcular a cruel parábola
dos murmurios masacrados (na última danza ritual).
Non volvemos atopar acubillo
na trincheira boreal da aurícula.
Nunca conseguimos que a lama dúctil (dos sublimes latexos)
vizosos paxaros enxendrase.

E aínda así, proclamo que o tempo das aciñeiras prendeu en ti
para que viñese o verso a descubrirnos
anteriores a todo humus,
eternos visitantes da translúcida pel do regreso.

(Porque...) Amar é apenas delatar os símbolos da entrega.
Crer en
nosoutros, combatindo os aneis dos anos no cerne das aciñeiras.

Dedaleira

No hay comentarios: