viernes, 30 de mayo de 2008

O chu-chu do tren

Había unha vez un potriño de cor mel e de crins brancas coma a neve que estaba pacendo tranquilamente nun delicioso prado. O potriño xogaba con outros potros que había por alí. Un día, ao xogar tanto, despistouse saltando e correndo tras unha bolboreta e, cando saltou uns arbustos, decatouse de que caera na vía do tren.

De repente oiu un ruido que facía: chucu-chu, chucu-chu, chucu-chu… e o potriño, de tan asustado que estaba ao oír e ver esa máquina botouse a correr todo canto lle daban as súas pequenas patiñas. O tren andaba tras del facendo: piii, piii, piii…O potro correu e correu ata chegar a unha estación dunha vila moi fermosa chamada Moeche. Había alí uns homes que ao ver ó potro tan cansado collérono e entregárono ao alcalde. Este e o xuíz decidiron mandalo a un picadeiro que había alí porque o seu dono non apareceu e así mesmo darlle o nome de Chucu-Chu, pola aventura que lle acontecera. O potriño foi facéndose cada vez máis grande e fermoso pero tamén un pouco bravo e rebelde. O entrenador que o intentaba domar pensou que “Chucu-chu” nunca serviría para nada. E, tras moitas caídas dos xinetes que intentaban domalo e moita cavilación, decidiu mandalo ó matadeiro.

Á semana seguinte chegou un novo entrenador chamado Emilio, que quedou namorado da fermosura daquel cabalo e por un precio moi baixo decidiu compralo e intentar domalo. Eses homes pensaron que estaba un pouco tolo ao comprar a “Chucu-chu”. Emilio pouco a pouco, con moito amor e moita paciencia conseguiu facer de “Chucu-chu” un bo cabalo. Agora “Chucu-chu” corre como cando era un potriño polos montes e polos prados; pero con Emilio enriba do lombo, xa que fan carreiras de máis de 20 km. E ese é o cabalo co que estou aprendendo a galopar.

(Historia real contada polo meu entrenador Emilio)
Cabalo

No hay comentarios: